A discapacidade infantil, os trastornos na alimentación e a seguridade vial serán os tres temas principais que se tratarán na III Mostra Cinema e Sociedade, que organizan a asociación Conxeito e o Concello de Ferrol e que se celebrará en Novacaixagalicia entre os días 14 e 18 de novembro. Estes tres aspectos abordaranse nas sesións matinais, destinadas especialmente ós adolescentes, e para as que xa están convocados os centros de ensino medio de Ferrolterra, que dispoñen ademais de unidades didácticas sobre cada un deles.
As tardes serán abertas a calquera interesado e o abano de temas amplíase ata tocar asuntos como as relacións familiares ou a ludopatía, entre outros. Tanto os pases matutinos como os da tarde contarán coa presenza de expertos nestes temas que dirixirán o debate posterior e a entrada é libre e gratuíta.
O programa ábrese o luns 14, ás oito da tarde, coa proxección de “Peregrinos”, de Coline Serreau, e o posterior coloquio. Trátase dunha comedia francesa na que unha familia mal levada ten que percorrer xunta o Camiño de Santiago para cobrar unha herdanza.
O martes, tamén pola tarde, verase “Xogo de mentiras”, unha película para televisión de Lluís Zayas, con participación galega na producción, que ten como eixo do seu argumento a ludopatía.O programa do mércores 15 incorpora ós estudantes, cunha proxección ás dez da mañá sobre a anorexia e a bulimia, tema que será o centro tamén da mesa redonda posterior. Pola tarde verase “A vida que te espera”, un filme de Manuel Gutiérrez Aragón que transcorre no val do Pas co trasfondo de históricas rencillas familiares e un asasinato.
O xoves á mañá, os alumnos poderán ver “As chaves de casa”, un filme italiano de Gianni Amelio que conta a historia dun neno que nace con discapacidades físicas e psíquicas e que é abandonado polo seu pai, ata que anos despois precisa da súa axuda para unha intervención cirúrxica e entablan unha nova relación. Pola tarde, ás oito, o filme a visionar será “Lena”, primeiro traballo audiovisual de Gonzalo Tapia, centrado nunha rapaza que vive nun barrio suburbial de Vigo.
O venres 18, ás dez da mañá, proxectarase “A viaxe de Cris”, unha mediametraxe documental de Antonio Gil Aparicio que se basea na historia real de Tamara Mirand, unha rapaza que quedou confinada a unha cadeira de rodas por mor dun accidente de tráfico. A seguridade vial será o tema da mesa redonda.
Premios A mostra Cinema e Sociedade recoñece o traballo de institucións ou persoas no eido social. Así, nesta edición, será precisamente o director Gil Aparicio quen recolla o galardón honorífico que se concede a quen, desde o audiovisual, traballa por unha sociedade mellor. Daráselle ademais un premio á Fundación Sandra Ibarra, de solidariedade fronte ó cancro, aínda que non está confirmada a súa presenza. Esta gala será no teatro Jofre, ás oito da tarde, o venres 18.
A concelleira de Educación, Cultura e Turismo, Susana Martínez Galdós, presentou onte esta actividade, xunto co seu coordinador, Luís Calvo. A primeira subliñou a importancia dunha iniciativa que “promove unha sociedade igualitaria e participativa”. Calvo chamou a atención sobre a conciencia social que existe en Ferrolterra, tanto a nivel institucional como asociativo, e afirmou que con esta proposta tratan de incidir aínda máis, “fomentando o debate en toda a comarca”.